Descripción de la obra
O que non se di é coma se non existise, afirmara o avó un día, e xa ía sendo hora de existir.
Ata ese momento só vivira de portas para dentro.
Agora xa non había marcha atrás.
A cámara pedíalle que falase.
" Son Álex, un mozo transexual.
Abro este vlog para compartir con vós a miña vida.
Quen me coñeza e estea a ver este vídeo entenderá moitas cousas, ou mesmo non comprenderá -ou non quererá comprender- nada.
O distinto asusta, dá vertixe porque obriga a cuestionarse tantas cousas...
E por iso fago este vídeo, porque non quero ter máis medo, nin vergoña de ser quen son.
" Antes de que lle dese tempo a pensar, conectou a cámara co ordenador.
Vinte e dous segundos.
Ese foi o tempo que tardou o arquivo en subir á rede.
" 22 segundos " relata, en primeira persoa, anacos da infancia e adolescencia dun mozo transexual que, desde os primeiros anos sabe -sen poñerlle etiquetas- que a súa identidade de xénero non coincide co sexo que lle asignaron ao nacer.
Unha obra que busca visibilizar, desde a empatía, un colectivo de persoas historicamente silenciadas e denigradas que loita por que as leis -e a sociedade- deixen de consideralas enfermas.